A esta hora continúa a estar activo o incendio que está a reducir a cinzas boa parte das Fragas do Eume. O lume comezou o sábado arredor das 15 horas. É evidente que o dispositivo de prevención non funcionou acaídamente.

Na web da Xunta continúa a minimizarse o impacto do incendio e a información oficial brilla pola súa ausencia. Manexa a web da Xunta o dado de 500 hectáreas afectadas, cando outras fontes máis independentes e credíbeis falan xa de máis de 2.000 hectáreas. As Fragas do Eume, o bosque atlántico máis importante de Europa, comprende unhas 9.000 hectáreas de terreo arbolado.
As redes sociais son as que están a informar desta traxedia ecolóxica. #sosfragasdoeume xa é trending topic.
Desde que goberna Feijóo, a Xunta recortou en 7 millóns de euros as partidas orzamentarias destinadas á extinción de incendios. O recorte en prevención, a clave en calquera loita racional contra os lumes forestais, acada a impresionante cifra dos 20 millóns de euros.
É evidente que esta política de recortes está a deixar o país indefenso. E é evidente o fallo na política de prevención. Dada a seca que se rexistou no inverno era facilmente prevísibel que algo así podía acontecer. Mais a Xunta non o preveu.












