
A Executiva Nacional do BNG reúnese este luns, non só como reza no títular para decidir quen recollerá o relevo de Aymerich, senón para decidir tamén como distribuír as áreas que ocuparán os seus 14 membros.
Podería repetir no posto Monste Prado, secretaria de Organización saínte e que volve estar na Executiva Nacional, mentres que será determinante quen estea á fronte do Parlamento galego para definir a persoa que se encargue das secretaría de relación coas cámaras autonómica e estatal.
Entre as caras novas da Executiva atopan a de Carme Adán, que entrou na primeira liña política da man de Anxo Quintana e que concorreu como número dous da candidatura promovida por ao UPG; así como os alcaldes de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, Tomiño, Sandra González, e Teo, Martiño Noriega.
A Executiva ten que decidir o substituto de Carlos Aymerich, para o que terá unicamente a opción de facelo entre os membros do grupo parlamentario que pertencen á UPG ou que están vinculados á plataforma APU, posto que Máis Galiza, segundo as fontes consultadas por Europa Press, renunciará a ocupar este posto tras a saída de Carlos Aymerich.
Ana Pontón é actualmente a vicevoceira e, polo tanto, está no posto natural no relevo, e ten experiencia en debates do estado da autonomía nese posto, ao ser a encargada de defender as emendas, se ben os seus enfrontamentos non eran cara a cara co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Nos últimos días celebráronse as reunións das direccións respectivas de Encontro Irmandiño e Máis Galiza, que celebrarán en próximas datas se o seu futuro segue vinculado no seo do BNG. Os ‘irmandiños’ convocaron para o próximo 12 de febreiro unha asemblea extraordinaria, mentres que Máis Galiza esperará a marzo para celebrar a súa asemblea.
Haberá que agardar e ver que é o que sae de todo isto, porque non se trata só de determinar quen se vai encargar de que, … trátase de probables escisións dentro do seo do BNG, trátase de seguir cun proxecto común aínda dentro de diferentes criterios ou de facer estoupar a crise polo ar.














