Plano Director de Acuicultura: Pescanova apunta e Feijóo dispara

ADEGA 10 de Febreiro de 2012 0

12345678910 (votos: 1 , media: 10,00 )

Ouvir com webReader

O Plano Director de Acuicultura (PDA) é o instrumento legal que  vai permitir á patronal do peixe plano asaltar a Rede Natura, comezando  por Touriñán. Toda a costa é susceptíbel de albergar piscifatorías: non hai zonas de exclusión. A  planificación resposta únicamente ás necesidades da industria e non as  características e valores do medio receptor. Tendo  en conta ademais que “a propiedade dos terreos  corresponderá á iniciativa privada e que as actuacións levaranse a cabo  por expropiación forzosa só no caso que sexa necesario” fica claro o papel da Xunta: ser o brazo executor da patronal acuícola eliminando molestos atrancos ambientais e sociais. Para iso fíxose o POL, o Plano Director da Rede Natura, declarouse a acuicultura «de interese público de primeira orde» e castrouse a lexislación de avaliación ambiental. Con este PDA, Feijóo aposta por unha acuicultura modelo Chile, Guatemala ou Indonesia: desfeita ambiental, contaminación e man de obra cuase-escrava. Mais este PDA non será máis que outro «powerpoint» publicitario da Xunta mentres os fundos europeos de pesca sigan excluindo a macroacuicultura industrial: Pescanova dificilmente dará un paso sen ter garantido o 50% de subvencións públicas.

VALORACIÓN DE ADEGA DO PLANO DIRECTOR DE ACUICULTURA

1. Consideracións xerais: o absurdo de cultivar peixes en terra nun dos litorais máis ricos do mundo

O Plano Director de Acuicultura (en diante PDA) presentado en maio de 2011 fai  referenza ao contexto mundial, europeo, estatal e galego  da actividade acuícola. Cítase a un informe da FAO que aponta á  necesidade de incrementar a produción de alimentos nun 70% para o 2050,  para concluir que para a Xunta, a acuicultura pode asumir ese  papel. Deixando á marxe a cuestión de que para atallar a fame no mundo  non é tan importante incrementar a produción de alimentos, controlada  maioritariamente por grandes corporacións transnacionais, como rematar  coa especulación e sobre todo mellorar o seu reparto para garantir o  acceso da poboación á comida, supoñer que o incremento da  acuicultura vai ser chave na consecución destes este obxectivos,  parécenos como mínimo inxenuo e desenfocado, cando non demagóxico.

Mais  ainda, a Xunta pretende que a acuicultura industrial en terra  (maioritariamente de peixes planos), obxecto deste Plano Director, sexa o  principal proxeso xerador de alimentos para conquerir os obxectivos da  FAO. A este respeito, a administración pretende tomar  unha parte moi pequena en termos económicos e de emprego (piscifatorías  en terra) polo todo (acuicultura e cultivos mariños). A proipa FAO, no  documento “Orientacións para o ordenamento medioambiental do desenvolvemento da acuicultura costeira” sinala entre os dez principios para o ordenamento sustentábel do sector:

- Consultar coa poboación local e todos os participantes.
- Planificar a pequena escala, proxectos flexíbeis.
- Deixar que a xente tome as decisións.
- As solucións deben axustarse estrictamente ás necesidades locais.
- Manter ao mínimo os investimentos externos para reducir a dependencia.  As axudas, suplementos e tecnoloxías inapropiadas no son sustentábeis.
- Edificar sobre o que a xente está facendo ben. Adoptaranse novas ideas só se non son contrarias á práctica local.
- Avaliar os impactos: deberianse examinar os aspectos económicos, sociais, culturais e ambientais.
- Considerar insumos e resultados. Os proyectos non poden estar enfocados a un único resultado, como a produtividade.
- Manter ou mellorar o nivel de vida dos participantes.

No  entanto, este PDA vai  desenvolver a acuicultura industrial en terra partindo das necesidades  do sector dominado por dúas grandes transnacionais (Stolt Sea Farm, do  grupo Stolt-Nielsen Limited, e Pescanova). Planificar grandes  instalacións e macropolígonos; obviar a poboación local e a realidade  socioeconómica do sector, dominado polos cultivos mariños e a pesca de  baixura; adicar cuantiosas subvencións públicas ao sector da acuicultura  terrestre; e planificar exclusivamente co obxecto de que as empresas  incrementen a produción de peixes planos, obxectivos que contradín  frontalmente as recomendacións da FAO.

O presente Plano Director de Acuicultura pretende “definir as directrices para  a instalación de establecementos de cultivos mariños en zona terrestre”.  No entanto, no contexto socieconomico galego, as cifras indican que a  acuicultura terrestre ten unha moi unha baixa representatividade dentro  do sector acuícola: así dunha produción total de 236.580 Tm, a  acuicultura industrial de peixe supón un 3,7% (8.753 Tm, 7.433 delas de  rodaballo). E termos de emprego, os postos de traballo no total do  sector (calculados como a tempo completo e durante todo o ano) supoñen  3.974. No entanto, e asumindo unha relación de  emprego similar á da produción, isto é do 3,4% sobre o total (malia que a  acuicultura industrial ten obxectivamente unha menor xeración de  emprego por cantidade de produto no mercado), a acuicultura industrial  de peixe (fundamentalmente rodaballo) xera en toda Galiza 147 empregos,  calculados como a tempo completo e durante todo o ano.

Reiteramos  pois o alegado no seu momento ao Plano Sectorial de Acuicultura (2007),  no senso de que que a elaboración dun plano sectorial non está  xustificado posto que ordena só unha pequena parte (a acuicultura mariña  en terra) da actividade acuícola, esquecendo ao groso do sector.  Ademais, non contribúe a poñer en valor os recursos mariños do litoral  galego, xera poucos postos de traballo e está dominado por unhas poucas  corporacións transnacionais. Portanto, neste Plano Director non está en  absoluto xustificado a declaración automática de utilidade pública e  interese social dos proxectos autorizados aos efectos de expropiación  forzosa. Este feito supón ao noso entender un atentado contra os usos e o  interese público dun espazo tan sensíbel como é o litoral, e un agravio  comparativo co sector produtivo autóctono que ten na pesca de baixura, o  marisqueo e os parques de cultivo mariños a súa principal fonte de  recursos.

2. Marco xurídico: crónica dunha deconstrución planificada

O PDA fai, con respeito á súa  fundamentación legal, referenza aos sucesivos planos sectoriais  aprobados en 2005 e 2007, e xustifica a súa razón de ser nos  requerimentos das DOT (Directrices de Ordenamento do Territorio) e do  POL (Plano de Ordenamento do Litoral). Menciónase tamén, no tocante á  protección do ambiente, a Directiva 92/43/CEE de Hábitats que consagra,  xunto coa Directiva de Aves, a Rede Natura 2000. Efectivamente, no  artigo 6 da Directiva 92/43/CEE fálase da obrigatoriedade de establecer  medidas de conservación através de diversos instrumentos. No entanto, a  inclusión desta referenza á Directiva de Hábitats na fundamentación  xurídica do Plano Director de Acuicultura, como se este fóra o  instrumento ao que se refire o artigo 6, carece de sentido. Este Plano  Director en absoluto pode equipararse e moito menos substiuir a un plano  de xestión específico ou integrado para un espazo da Rede Natura 2000,  ao que debería someterse.

É por isto que a Xunta aprobou en xuño de 2011 un Plano Director da Rede Natura que permitía a construción de macropiscifatorías mesmo nas zonas de máxima protección dos LICs e ZEPAS. Con isto, Feijóo pretendía socavar as garantías legais que protexen os hábitats e as especies dos  espazos da Rede Natura, e permitir a Pescanova asaltar Touriñán, emblema  da conservación e da defensa da costa galega fronte á depredación.
Mais previamente, en maio de 2011 a Xunta xa amosou por onde pretendía ir coa afección da Rede Natura polas piscifatorías: A declaración da acuicultura como «utilidade pública  de primeira orde» realízouse unicamente para permitir ás empresas do  rodaballo ocupar espazos da Rede Natura con hábitats prioritarios,  ponteando o artigo 6.4 da Directiva 92/43 CE, tal como fixera o governo  portugués coa macroplanta de Mira, declarada «projeto de interese  nacional». Resulta vergoñento que a Xunta utilizara este recurso para supostamente beneficiar ao «sector acuícola» cando o que pretende é que só as  multinacionais do peixe plano (unha parte  moi minoritaria do sector  acuícola galego) teñan acceso libre ao litoral para verter antibióticos e  químicos, en perxuízo da pesca e o marisqueiro tradicional.

Mais no tocante aos hábitats e especies recollidas nos anexos I e II da  Directiva de Hábitats, e malia ao que aprobe Feijóo no Consello da Xunta, o artigo 6 desta  directiva,  no seu punto 4, é meridianamente claro:

4.  …No caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural  e/ou unha especie prioritarios, unicamente poderanse alegar  consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, ou  relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o  medio ambiente, ou ben, outras razóns imperiosas de interese público de  primeira orde. Neste último caso, através da canle correspondente,  haberá que consultar, previamente, á Comisión Europea.

Portanto,  calisquera proposta de ubicación, delimitación ou ordeamento que o PDA  poida establecer con respeito a un determinado espazo costeiro que  albergue hábitats considerados de protección prioritaria ficará sen  efecto mentres non se desenvolva o procedemento recollido na Directiva  92/43/CEE e no Real Decreto 1997/1995 que a traspón.

Apesar disto, a Xunta continuou insistindo na súa estratexia de demolición da lexislación ambiental orientada a favorecer os intereses das empresas amigas, Feijóo derrogou vía «lei de acompañamento» dos orzamentos de 2012 parte da lexislación de impacto ambiental: a referida á avaliación de efectos ambientais aprobada por Fraga e á que debían someterse as instalacións de menos de 500 Tm de produción anual.

3. Criterios e localizacións: o que diga o Sr. conselleiro

Entre  os obxectivos específicos do PDA para acadar  definir as directrices para a instalacións de fatorías acuícolas en zona  terrestre non está o de establecer zonas de exclusión. Fálase  unicamente de fixar criterios de compatibilidade para as plantas  centrados nos procesos e características destas instalacións e non nos  valores intrínsecos do medio receptor. Isto significa que de entrada, toda a costa é considerada apta de entrada para o desenvolvemento  acuícola (mesmo Rede Natura, Parques Naturais…), e é en función das propias características das plantas e da  súa afección nos lugares nos que se pretenden implantar, polo que poden  ser compatíbeis ou non. Esta concepción do territorio e dos seus valores  (naturais, paisaxísticos, ecosociais, culturais…) como supeditados aos  usos potenciais e non ao revés, amosa unha visión caduca e  interesadamente sesgada da xestión territorial. Introdúcense elementos  de discrecionalidade na interpretación que a administración pode facer  dos diferentes criterios e variábeis para declarar unha instalación  compatíbel ou non.

Chama a atención que entre os criterios de  viabilidade ambiental considéranse só como únicas variábeis a “distancia  á costa” e a “capacidade do enclave para abastecerse con enerxías  renovábeis”. Non hai mención como variábeis relevantes nos criterios da  presenza de espazos protexidos, paisaxes singulares, hábitats ou  especies ameazadas, etc. Máis aínda, na análise realizada neste estudo  contémplase a exclusión de determinadas áreas por razóns físiográficas e  técnicas, nunca ambientais. E como resultado da aplicación dos  “criterios de viabilidade ambiental” obtense un chamado “índice de  potencial enerxético sostible”.

Resulta  pois patente que a clasificación da zona costeira en base a estes  indicadores resposta únicamente ás necesidades da industria e non as  características e valores do medio receptor, feito que queda demostrado  ao comprobar que só os criterios técnicos (altura, distancia á costa,  etc.) son os únicos excluintes, quedando a “adecuación económica, social  e o potencial sostible” para un “segundo paso” e en todo caso, sen ser  excluintes. A proposta resultante de “zonas aptas” fica pois trucada  dende o inicio, pois son só os condicionamentos relacionados coa  viabilidade empresarial os que determinan de entrada a consideración  dunha zona como apta para a acuicultura. A maiores, o feito de que as  ubicacións preferentes teñan que ser “o máis baixas posíbeis e con maior  superficie plana posíbel”, ou dito doutro xeito, deban ocupar a  primeira liña de costa, a franxa máis sensíbel e con maior valor  paisaxístico, ambiental e turístico, indica claramente a vocación deste  PDA: a entrega á patronal acuícola, concretamente á do peixe plano, que  polas características do proceso produtivo precisa de enormes  superficies, dos millores espazos de costa.

Polo  que respeita ao modelo de desenvolvemento industrial, este PDA aposta  pola concentración de instalacións en grandes polígonos. Este modelo que  aumenta o impacto paisaxístico e ambiental, está orientado a favorecer  ás industrias xa implantadas, maioritariamente transnacionais, que  reforzarán a súa presenza no sector e aforrarán custos, acadando  vantaxes na competencia coas empresas pequenas. Este modelo contradí as  recomendacións da FAO que no antedito documento “Orientacións para o ordenamento medioambiental do desenvolvemento da acuicultura costeira” propón “planificar a pequena escala proxectos flexíbeis”.

A  esta “torta” precociñada xa ao gusto da patronal do peixe plano  engádenselle finalmente os criterios ecolóxicos, paisaxísticos,  económicos e sociais recomendados pola Comisión Europea, mais outra  volta de xeito discrecional. Serán as empresas as que tendo en conta determinadas “recomendacións” poidan dispoñer medidas de adecuación  ambiental e social  e a administración quen interprete se estas son  suficientes

4. Implantación no territorio: a chantaxe da patronal = ou vendes ou a Xunta exprópiache

Tendo en conta que “o  réxime de acceso á propiedade dos terreos corresponderá á iniciativa  privada e que as actuacións levaranse a cabo por expropiación forzosa só  no caso que sexa necesario” as  industrias contan xa cunha reserva de terreos libres de cargas mesmo  antes de ter o seu proxecto aprobado, ou sequera de iniciar a súa  tramitación, co que a negociación cos propietarios das terras ficaría  deturpada a favor dos intereses do promotor.

Semella que o único que lle interesa á Xunta é deixar as mans libres ás empresas para arramplar co millor da nosa costa e atropelar impunemente os dereitos dos propietarios e da cidadanía.