Os equipos de normalización aínda non percibiron o 75% das axudas

CIG 1 de Febreiro de 2012 0

12345678910 (votos: 1 , media: 10,00 )

Ouvir com webReader

A CIG Ensino vén de denunciar que a Consellaría de Educación aínda non realizou o pagamento da totalidade das axudas concedidas a centros públicos para a realización de proxectos de fomento do uso do galego, correspondentes ao curso 2010-2011, e esixe o inmediato pagamento.

Hai uns días, a CIG-Ensino denunciaba a drástica redución dos orzamentos destinados a proxectos de normalización da nosa lingua. Un 69% menos ca nos cursos 2009-2010 e 2010-2011, en que a partida orzamentaria soamente acadaba os 800.000€, despois de ter sufrido unha redución do 20%. Denunciaba tamén que a esta redución se sumaba á prohibición, vía orzamentaria, para realizar actividades nos catros primeiros meses do curso, de setembro a decembro de 2011, pois a convocatoria non admite a xustificación de gasto nese período.

Na Mesa Sectorial celebrada este martes, a CIG-Ensino volveu exixir unha explicación ao feito de que moitos centros públicos aínda non percibisen o 75% das axudas concedidas e que se aboen de inmediato. Máis cando os centros tiveron que xustificar con antelación ao 30 de xuño de 2011 os gastos realizados neses seis meses e que debían ser o 75% da cantidade concedida. Polo tanto, os centros realizaron o gasto, adiantando diñeiro, antes do 30 de xuño, e, sete meses despois, a Consellaría aínda non lles pagou nin lles confirma cando o fará, pois estas cantidades que corresponden ao orzamento de 2011 e que con cargo a el ían ser aboadas, non o foron e os centros soamente saben que agora terán que serlles retribuídas con cargo ao exercicio orzamentario de 2012.

“Estamos falando de cantidades importantes para os centros que tiveron que adiantalas. Se o importe medio das axudas concedidas era de 853€, significa que moitos centros non cobraron aínda 640€. Mais son moitos os centros de Secundaria aos que lles foi concedida unha axuda de 2000€para a realización de actividades, estes centros aínda non cobraron 1500€ xa gastados”, explican desde a CIG-Ensino.

Estes atrasos e os recortes nas axudas deste ano “acaban por afogar os centros e impedironlles realizar actividades de normalización”denuncian, manifestando os eu rexeitamento a esta falta de planificación da Consellaría e esta agresión ao noso idioma.