Infórmanos o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a través dos medios de comunicación, a toma en consideración dunha serie de medidas dirixidas aos empregados públicos, entre a que destaca pola súa repercusión pública a suspensión do coñecido «Plus de Altos Cargos».
A CIG-Autonómica quere deixar constancia de que o Presidente da Xunta non suprime o Plus, senon que só o suspende temporalmente. Inda así, é ben posíbel que o Plus, aprobado por Lei, poida seguir sendo cobrado polos seus beneficiarios mediante resolución xudicial, dependendo en boa medida da vontade dos seus perceptores.
Para a CIG que, durante anos, levamos adiante manifestacións, concentracións, denuncias públicas… e rematamos coa presentación no Parlamento dunha Iniciativa Lexislativa Popular que foi rexeitado polo PP e PSOE, non é suficiente.
As empregadas e empregados públicos esiximos a supresión inmediata e definitiva deste plus. Hai que tildar esta medida coma demagóxica, ao igual que o resto, e destacamos que os verdadeiros problemas son outros de fondo. Unha medida que pretende ser unha xustificación moral dos recortes que se lle piden ao colectivo de empregados públicos. E consideramos un insulto que se poña ao mesmo nivel un plus salarial de altos cargos que, por exemplo, a supresión de complemento por enfermidade ou accidente non laboral.
Compostela, 2 de febreiro de 2012
O secretario nacional da CIG-Autonómica,
Fernando García Fernández














