O BNG en contra do decreto de supresión de primas ás renovábeis

Bng 10 de Febreiro de 2012 0

12345678910 (Sen votos)

Ouvir com webReader

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, expresou no pleno o voto en contra dos nacionalistas galegos ao Real Decreto 1/2012 sobre supresión de primas a enerxías renovábeis.

Un decreto moi prexudicial para Galiza

Jorquera explicou as razóns do BNG para opoñerse a este Decreto. En primeiro lugar, alegou que non se consensuou esta norma coas CC.AA, “pese a que teñen importantes competencias na materia”. Lembrou que “vostés criticaron o borrador de Real Decreto do anterior Goberno que pretendía unha rebaixa das primas do 44% e agora vostés pretenden a súa total e definitiva desaparición”.

Incluso, puntualizou, o propio Conselleiro de Economía da Xunta afirmaba daquela que dito borrador “restaba competencias ás CC.AA, primaba a ineficiencia e xeraba inseguridade xurídica nos inversores”. Algo que “se pode aplicar a este Decreto”, afirmou Jorquera, quen puxo de manifesto que é moi prexudicial para Galiza, “onde as enerxías renovábeis deben favorecer a industrialización do noso país”.

Neste sentido, o deputado do BNG lembrou que no 2008 Galiza puxo en marcha un ambicioso concurso eólico que aseguraba un investimento no noso territorio de 1.400 millóns de euros. “E a pesar de ser revocado pola actual Xunta, o Señor Feijoó tramitou un novo concurso que segundo os seus dados conlevaría un investimento de 3.500 millóns e o compromiso asociado de realizar proxectos industriais por outros 3.000, e a creación de 14.000 postos de traballo”.

Un plan, recalcou, que “este Decreto deixa en papel mollado”. Un Decreto, subliñou, que impide que Galiza poida desenvolver a súa economía e o seu sector enerxético. Criticou que o Decreto vaia frear en seco o desenvolvemento das enerxías renovábeis, entregándose aos intereses das grandes compañías eléctricas e á dependencia de recursos exteriores.

Varapao ás enerxías renovábeis

En segundo lugar, Jorquera sinalou que suporá a paralización dos investimentos e a posta en marcha de novas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovábeis. O deputado do BNG reprochou ao Goberno que esqueza que as enerxías renovábeis son as responsábeis de que o Estado español deixara de ser importador de enerxía eléctrica en termos netos.

Ademáis, das cuestións medioambientais e económicas porque reduce a nosa dependencia enerxética, Jorquera destacou tamén que se trata dun sector emerxente conformado por empresas con importante presenza no exterior e aportación do coñecemento, fundamental para mudar o patrón de crecemento.

O portavoz do BNG rematou dicíndolle ao Ministro de Industria que “se lemos entre liñas o que dixo, vostés pretenden nucleares sí, renovábeis non, é o que agocha este Decreto. E se queren cambiar o réxime tarifario, modifiquen a Lei do sector eléctrico”.