O BNG, a través da deputada Ana Miranda, denunciou no Pleno do Parlamento Europeo que o Goberno galego está incumprindo a lexislación da Unión Europea en materia de xestión de residuos, ignorando a normativa que recomenda a «prevención, reciclaxe e reutilización» como sistemas «prioritarios», mentres sinala a incineración como «ultima opción».

Pese a este mandato da Comisión Europea, -ratificado hoxe na sesión do plenario pola Comisaria Kristalina Georgieva en nove do Executivo da UE-, Miranda salientou que Galiza «xa incinera o 42% do lixo que xenera» e que a proxectada pranta no Concello do Irixo «consolida a incineración como sistema hexemónico no tratamento de residuos», ignorando os postulados da Directiva sobre Xestión de Residuos e Directivas afíns nos Estados Membros da Unión Europea.
A eurodeputada fixo esta denuncia no seo do debate e votación na Eurocámara do informe de aplicación da mecionada directiva nos Estados membros, informe subscitado a raiz das numerosas denuncias presentadas ante a Comisión Parlamentar de Peticións, na que Miranda é membro titular, e que serve para canalizar todo tipo de denuncias dos cidadáns da UE.
O BNG tamén denunciu no Parlamento que a proxectada planta de incineración para o sur de Galiza tampouco cumpre co requisito de «avaliación de impacto medioambiental» preceptivo segudo a lexislación europea, «ao optar por un procedimento abreviado» posible grazas aos cambios normativas introducidos pola Xunta, «e todo iso sendo unha instalación prevista para incinerar a metade dos residuos que produce unha poboación de 3 millóns de habitantes», recalcou.
Iniciativa ante a Comisión Europea
Finalmente, a deputada nacionalista sinalou no Plenario que o Goberno galego tamén incumpre a normativa comunitaria e as recomendacións aprobadas hoxe polo Parlamento Europeo ao «escatimar información aos cidadáns directamente afectados» polo proxecto da incineradora. Nun proxecto no que a «transparencia informativa» debería ser «máxima»,, a Xunta utiliza un sistema normativo que evita a exposición do proxecto no Concello do Irixo e que elude a comunicación directa aos afectados para que podan presentar alegacións.
«Todo isto en medio de unha gran contestación social, xa que a incineradora é rexeitada pola poboación directamente afectada», así como polas forzas políticas e sociais, incluídos os colectivos ecoloxistas.
Miranda concluíu a súa intervención no plenario indicando que vai «defender que a normativa europea en materia de residuos se cumpra tamén en Galiza» . Neste sentido, a deputada nacionalista ven de presentar unha iniciativa parlamentar ante a Comisión Europea para que, como Executivo da UE, se pronuncie sobre a legalidade do proxecto de macroplanta incineradora que a Xunta ten previsto instalar no Concello do Irixo.














