
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou nunha concentración ás portas do Xulgado de Instrución número 2 da Coruña en apoio a Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego. Alí manifestou que “estou para apoiar a Carlos Callón diante dun xuízo insostíbel, intolerábel. Non nos calarán, pola vía da represión non nos calarán na defensa do idioma galego, do dereito a vivir en galego no noso país con normalidade, diga o que diga calquer xuíz que queira impedilo”.
Tal e como lembrou o portavoz nacional do BNG, neste caso estamos ante unha situación na que “unha persoa se ve sometida a xuízo porque critica manifestacións públicas dun xuíz que fai ostentación de non cumprir a Lei de Normalización Lingüística”.
Isto, en opinión do líder nacionalista, “pon de manifesto que se quere acalar calquer voz crítica con comportamentos do tenor do adoptado polo señor xuíz” polo que afirmou que hoxe en día “estamos vivindo nunha situación do mundo ao revés porque son os xuíces os que teñen que respectar escrupulosamente a lei e non pode ser obxecto de persecución aqueles que defenden que a lei sexa respectada”.














