Observaba estes día de inicio do verán, esa triste situación clásica e estacional, na que os nosos montes choran, mentres o lume destrúe o noso patrimonio ecolóxico, da man de galegos, perfectamente susceptibles de sufrir o desprezo dunha sociedade que mira cara outro lado, ante tanta afronta á terra que nos veu nacer.
Sempre me cuestiono, o porqué da existencia dunha inxente cantidade de galegos, que non queren a Galicia. A vagas de lume que consumen esta terra, por intereses bastardos, son radiografías, dunha sociedade sen compromiso, subxugada á supervivencia diaria, e ao egoísmo máis destrutor. Se tres de cada catro incendios en Galicia, son provocados, se no 2010 a cifra de hectáreas queimadas case chega ás 15.000, se en exercicios como o do 2006, o averno sae a superficie da terra galega arrasando 100.00 hectáreas, e non se pon remedio, é como para que un contemple a posibilidade de abandonar calquera esperanza cara o futuro. Unha terra arrasada polo “feismo”, nos que as sucesivas “leis do Chan”, semellan ser normas ser valor por parte da poboación, con especies autóctonas extirpadas das entrañas da nosa terra, co eucalipto como símbolo de derrota do país ante o poder económico, con rías esquilmadas por inconscientes, e contaminadas por indesexables e con cumios adornados de parques eólicos necesarios, mais de irresponsable execución dende un punto de vista de respecto ecolóxico.
Se citamos o compromiso identitario do galego-medio, entón en amplos sectores o problema acentúase de xeito exponencial. O fin do derradeiro xornal plenamente na lingua de Rosalía, é unha auténtica fenda no país, no que algúns seguen empeñados en exercer a liberdade de destruír de xeito perfectamente programado a un idioma propio, esnaquizado permanentemente por aqueles que acusan de imposición do que é parte da alma de Galicia. O fin de “Galicia Hoxe”, ten moito que ver coa actitude de galegos que falan demasiado dun compromiso, que a hora da verdade está lonxe de ser certo, cando hai que mercar un produto diferenciado, que contribúe de xeito decisivo a entender Galicia.
Teño a esperanza, que as próximas xeracións sexan conscientes, que o compromiso coa terra que os veu nacer, non é unha concesión ao “folclore” da nosa veciñanza civil galega, senón un muro que free eivas vitais de destrutores identitarios, que dende o pragmatismo consideran que Galicia só é unha “estación de paso” máis, cara obxectivos bastardos.
Ou non?
















