Nace a Plataforma pola Recuperación do río Sar

ADEGA 12 de Febreiro de 2012 0

12345678910 (votos: 1 , media: 10,00 )

Ouvir com webReader

Este día apresentouse en Padrón a Plataforma pola Recuperación do Sar,  unha asociación sen ánimo de lucro que ten como fin acadar para o Sar, así como para as súas ribeiras, unhas condicións  ambientais óptimas. Trátase de manter e conservar unha biodiversidade faunística e florística tan ampla como sexa posíbel, tanto en  variedade de especies como na densidade das súas poboacións, así como a  consecución duns parámetros fisicoquímicos  que permitan a existencia e a pervivencia dun axeitado equilibrio  ecolóxico. Non esquecemos a preservación do patrimonio cultural e etnográfico de  forma que xunto co patrimonio natural, sexan fonte de riqueza para  toda a bisbarra por onde discorre o río. Á presentación no Auditorio de Padrón acudiron case un cento de persoas e  interviñeron os representantes dos colectivos promotores da Plataforma: Xosé Manuel  Penas Patiño (Biólogo), Virginia Rodríguez (Presidenta de ADEGA), Luis  Tapia (Biólogo) e Luis Piñeiro (Pescador).

A Plataforma pola Defensa do Sar pretende facer entre outras as seguintes actividades:

1.-  Realizar observacións directas do cauce fluvial e as súas ribeiras e no  caso de que se considere necesario proceder a denunciar aqueles feitos  que atenten contra este ecosistema.

2.- Colaborar co mellor estado do río organizando limpezas da súa canle e ribeiras.

3.-  Solicitar o cumprimento da lexislación e o establecemento das  disposicións que sexan necesarias, así como colaborar con todo tipo de  autoridades e administracións para a mellor consecución dos fins  sinalados.

4.- Organizar actividades con centros educativos.

5.-  Poñer a situación do río e as actividades da asociación en coñecemento  da sociedade por medio da realización directa de charlas así como a  través dos medios de comunicación.

6.- Documentar aquelas situacións ambientais que se consideren de interese para a consecución dos fins que son propios.

7.- Solicitar a colaboración doutras asociacións e no seu caso recíprocamente colaborar con elas.

A  nova entidade continuará con presentacións polos diferentes concellos  da bacía do Sar. A vindeita será este 24 de febreiro en Santiago de  Compostela.