O pasado domingo á noite, saía do mercado gandeiro de Amio satisfeito pola ampla participación na XIII asemblea. Saía satisfeito e contento por as verbas que escoitei na palestra en boca dos dirixentes das diversas correntes. Foron dous días de traballo intenso, de debates, de posta en común de ideas nas que se chegaron a importantes acordos entre toda a militancia (foi unha das asembleas con maior participación) de cara ao futuro común.
Alí escoitáronse verbas a favor da unidade e da lealdade, do proxecto común e de ver todo o que nos unía. Todos dixeron ao pedir o voto que respectarían a decisión da maioría fora cal fora e que se comprometían para seguir traballando a prol do BNG. Todos falaban do excelente exercicio de democracia que se demostrou no BNG, a única forza onde a militancia decidía o seu futuro.
Toda esta ilusión e confianza morreu o luns ao ler as declaracións feitas nos xornais por aqueles que tan boas palabras tiñan a hora de pedir o voto para seres portavoz nacional ou candidato á Presidencia da Xunta. Aquelas verbas de Beiras dicindo que votasen a quen votasen il o acataría e seguiría traballando no proxecto, aquelas verbas de Aymerich dicindo que sería un erro a escisión porque en varios anos habería que volver a xuntarse e serían anos perdidos morreron no vento.
Comentarios de fractura, de división interna, anuncios de asembleas nas correntes para decidir si deixaban o BNG, un empate técnico nas visións do BNG e un milleiro de cousas máis que deron aos medios titulares coas grandes mentiras xamais contadas encol da XIII AN do BNG. Analisemos pois os puntos fundamentais destas mentiras que se empregan para intoxicar e manipular.
1./ A candidatura do «Novo Proxecto Común, refundación e rexeneración» medrou en apoios entre a militancia do BNG.
Falso, na Asemblea de 2009 as candidaturas de +Galiza e do Encontro Irmandiño obtiveron máis apoio que a da ApU. Nesta derradeira asemblea foi xustamente ao contrario, polo que o apoio desta candidatura foi menor.
2./ ApU controlaba o BNG dende a executiva e o CN e preparou unha asemblea cos seus textos e normas.
Falso, +Galiza e o Encontro Irmandiño tiñan maioría na excutiva e no Consello Nacional. Outra cousa é que foran incapaces de chegar a un acordo entre eles mesmos e que os embros de +Galiza deixara de ir as executivas.
3./ ApU ten a intención de eliminar a pluralidade do BNG tras os resultados da AN.
Falso, foi +Galiza que propuña nos seu textos que en vez de ser una excutiva plural, foran tódolos postos ocupados polos membros da lista máis votada deixando fora ao resto de correntes.
4./ A militancia non está de acordo coa xestión e o rumbo do BNG destes últimos 3 anos.
Falso, o informe de xestión presentado foi avaliando e ratificado por mais do dobre de militantes dos que votaron en contra
5./ O BNG está divido e houbo un empate técnico.
Falso, e sen dúbida e a mentira que máis se está estendendo polos medios i é nesta parte onde me vou a deter un pouco máis.
O futuro do BNG, a súa liña política e as accións a desenvolver nos vindeiros anos, decídese nas teses políticas e organizativas. Nas diversas comisións se debaten as emendas os votos particulares, as transaccións e despois esas emendas, volven ser debatidas e votadas no plenario. Posteriormente se procede á votación para avaliación do documento coas súas emendas. Ese é o proxecto do BNG para os vindeiros tres anos. En moitos medios se andaba a dicir que esa votación se fixera o sábado, algo que é totalmente falso, xa que tanto as emendas como o voto á totalidade se fixo do domingo antes da votación dos candidatos á Presidencia da Xunta e a Portavocía e o Consello Nacional. Estas teses foron apoiadas maioritariamente pola militancia, por mais de dous terzos, polo que non se pode falar de empate técnico nin de división na militancia de cara a cal é o proxecto futuro do BNG e como debe actuar nin que teses defender. Houbo un amplo apoio é consenso encol de como debe actuar o BNG.
Por contra os medios, auspiciados tamén por declaracións de membros da segunda candidatura máis votada, fixeron fincapé no resultado das votacións aos membros do Consello Nacional, Portavoz Nacional e Candidato a Presidente da Xunta. Estás votacións, son realmente as menos importantes das que se fixeron perante toda a Asemblea. Nelas non se votaba un proxecto político ne organizativo, se non que se votaba as persoas encargadas de dirixir ao BNG conforme as teses políticas e organizativas aprobadas previamente, polo tanto non se votaba ningún proxecto político, posto que xa fora votado e avaliado pola maioría dos militantes.
Agora ben, tras as manifestacións feitas aos medios de comunicación estes días, sucesos como o acontecido en Monforte e demais comentarios, cabe preguntarse: “Se houberan sido elixido Beiras Portavoz Nacional, e Aymerich candidato á presidencia da Xunta, defenderían as teses políticas e organizativas aprobadas na asemblea malia que non foras as súas propias?” Eu recoñezo que saín de Amio pensando que si, pero o acontecido estes días, xa me fan dubidar moito, aínda que espero e desexo estar equivocado ao ter esas dúbidas.

(votos: 35 , media: 9,49 )












