O que segue é un manifesto que estamos a asinar os Comités de Empresa, Xuntas de Persoal e Delegados/as de Persoal dos órganos de representación dos empregados públicos de todo o país.
A Xunta de Persoal / Comité de Empresa , ante o anuncio por parte do Presidente da Xunta e da Conselleira de Facenda de practicar recortes na Administración autonómica e a publicación do borrador do anteproxecto de lei de medidas no emprego público
MANIFESTA
Dende esta Xunta de Persoal / Comité de Empresa consideramos esta anteproxecto LESIVO para a Administración Pública, para os/as empregados/as públicos/as e para a cidadanía pois supón unha degradación da imaxe pública dos traballadores/as, unha devaluación da Administración Pública e unha merma na calidade dos servizos prestados a cidadanía.
Consideramos as medidas propostas como un acto DEMAGÓXICO para xustificar a política de recortes nos servizos públicos practicada por este goberno, mentres que o gasto público e o despilfarro se dispara en asesores políticos, asistencias técnicas e gastos suntuarios, sen que este goberno adopte medidas correctoras.
Consideramos IRRESPONSABEL intentar sacar réditos electorais con medidas populistas denigrando a figura do/a empregado/a público/a, o desempeño profesional e tentando facer ver que a Función Pública é un mundo sen control, cando o horario de 37 horas e media é o establecido dende o ano 1984.
Consideramos un comportamento CÍNICO negociar, pactar e orzamentar un Fondo de Acción Social para un mes despois suspendelo, o cal nos da a medida da talla moral deste Presidente e desta Conselleira.
Consideramos INTOLERABLE que quen enferme pague, pois iso significa a detracción de parte das súas retribucións nesta circunstancia para pagar a mala xestión e o despilfarro deste goberno.
Consideramos DISCRIMINATORIO, que o persoal temporal ou interino poida ver reducida nun terzo a súa xornada e retribucións, mentres o seu traballo pode ser feito por empresas privadas.
Consideramos DICTATORIAL pretender modificar por lei un convenio colectivo, sabendo ademais que a lexislación laboral é exclusiva do Estado, para pretender negar os descansos por tempo traballado en domingos e festivos.
Consideramos ABSURDO que se pretendan recortar días de asuntos persoais cando non se substitúe a quen os disfruta.
E consideramos, finalmente, que hai unha acción de goberno IMPROVISADA e pouco seria, incluso dende a óptica da contención do gasto, contención que se centra en recortar as retribucións e dereitos do persoal, facéndoo de xeito arbitrario e poñendo o interese partidario por riba do ben común. As retribucións dos empregados públicos non poden ser un saco sen fondo onde vostedes metan a man para poder pagar obras suntuarias, privilexios, axudas desmedidas e sen control a empresas, asesores políticos, persoal de gabinete e asistencias técnicas.
Nós SI estamos dispostos a contribuír, como así o vimos facendo dende sempre a que esta Administración Pública actúe con rigor, eficacia, eficiencia, de xeito profesional antepondo os intereses e dereitos dos cidadáns a calquera outra consideración e con vocación de servizo aos mesmos/as.
Esta Xunta de Persoal, está disposta a reflexionar sobre propostas que melloren esta Administración e que optimicen o gasto poñendo enriba da mesa todos e cada un dos elementos que poidan ter repercusión sobre el, aportando datos reais sobre cada un deles co fin de reducir o gasto inútil alí onde vostedes o xeraron.
É por iso que dende esta XUNTA DE PERSOAL / COMITÉ DE EMPRESA ESIXIMOS a RETIRADA INMEDIATA deste anteproxecto de lei de medidas no emprego público
POLA DIGNIDADE D@S EMPREGAD@S PÚBLIC@S
NA DEFENSA DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA
RETIRADA DO ANTEPROXECTO XA!!














