Beatriz Guiance é a editora de MundoGaliza
Hai pouco escribin outro artigo con este mesmo título, mais invertido.
Ese artigo estaba cheo dunha fonda emoción pola morte de D. Isaac, si D. Isacc, que para as institucións e os medios de incomunicación marchou sen facer ruído, sen molestar, e até a porta de atrás parece que lle pecharon ao seu cadaleito.
O cadaleito de D. Manuel sae pola porta grande, sae pola porta do grande Estado do Imperio… e o Imperio grande e máis o pequeno réndenlle tributo, honras e loito oficial.
Se os galegos temos un loito imposto de tres días, por vía oficial, por D. Manuel… que loito merece o bo e xeneroso D. Isaac??
Dixen que ía calar por respecto, non vou falar de D. Manuel de corpo presente, son un ser humano, teño sentimentos, .. e lamento a súa morte… pero iso non quita para que fale dos demais.
A Deus o que é de Deus e ao César o que é do César.
Os medios de comunicación cociñaron moi ben as súas novas, o inventor da democracia case beatificado é presentado ante nós, por se non o coñeciamos.
E eu que vexo como alguén que dedicou a súa vida ao seu país, que vexo como a súa loita foi silenciada, revélome… Revélome en contra da manipulación informativa, revélome ante a insensibilidade co noso pobo, revélome ante tanta hipocrisía e tanta falsidade.
Ten que seguir habendo quen loite co corazón na man, quen teña valores, quen mire polo país.
Hoxe o loito ten que dar paso á loita.
MundoGaliza quere ofrecer a súa humilde casa para que os galegos de ben, que non tiveron un libro de condolencias onde expresar o seu recoñecemento, a súa gratitude e o seu pesar polo seu pasamento, o poidan facer hoxe aquí.
Como homenaxe a quen viviu por e para Galiza, por quen foi bo e xeneroso, por quen por máis que queiran non van silenciar nen de morto, porque vivirá na nosa memoria.
Por D. Isaac Díaz Pardo












