Fronte á inoperancia da Xunta, mobilízate a prol do Monte Pindo

ADEGA 5 de Febreiro de 2012 0

12345678910 (votos: 2 , media: 10,00 )

Ouvir com webReader

A Comisión 7ª do Parlamento Galego vén de rexeitar unha proposición non de lei apoiada polos grupos da oposición para instar á Xunta a declarar o Monte  Pindo Parque Natural. Desatendendo unha vez máis o criterio de numerosos científicos,  profesores universitarios, veciños e ducias de colectivos sociais e  sectoriais, o PP volve a impedir que este singular espazo teña a protección que merece, e que esta protección acompáñese de medidas para beneficiar a veciñanza e  dinamizar a Costa da  Morte. Resulta irónico que o mesmo día que o PP rexeita esta proposta, a Xunta aprobe a «Estratexia Galega da Acuicultura» para permitir a Pescanova arramplar con Touriñán e dea o visto bó o definitivo a 3 minicentrais de Villar Mir no Xallas. Eis o «desenvolvemento sustentábel» de Feijóo: frear as iniciativas respectuosas para entregar logo o noso patrimonio natural aos amigos. MANIFESTACIÓN NACIONAL O 14 DE ABRIL POLO PINDO

ADEGA e a Asociación Monte Pindo Parque Natural lamentan o discurso da  única forza do arco parlamentar, o PP, que segue rexeitando a iniciativa en  solitario, dado que nin sequera coinciden os motivos que alegan  publicamente cos que esgrimen en privado. Ademais lamentaron que os  populares non accederan a consensuar un texto conxunto no que puideran  verse representadas as tres forzas, malia a insistencia da parlamentaria  presentante, Isabel Sánchez. Todo indica que en realidade a oposición  do PP xa estaba máis que predeterminada e que responde a criterios  exclusivamente económicos, dado que saben perfectamente que a  declaración de Parque Natural implica asumir por lei compromisos firmes  mediante o establecemento de prazos e dunha partida económica específica  que garantan que esta protección sexa útil e efectiva.

Xilberto Caamaño, presidente da As. Monte Pindo Parque Nartural argumentou non existe un só motivo que desaconselle  declarar o macizo carnotán como parque natural, tal e como pediron  moitos e prestixiosos especialistas de todas as disciplinas, e a Xunta  sábeo; por iso vese forzada a xustificar o inxustificable con excusas de  mal pagador, desprezando a quen defende a iniciativa ou incluso  divulgando interesadamente datos erróneos e mesmo falsos con tal de  despachar a reivindicación veciñal sen que iso lle supoña adquirir  compromisos firmes de traballo. Isto evidenciouse no texto alternativo proposto polo PP, que desvirtuaba a intención do orixinal anulando todo  aquelo que implicaba comprometer prazos e investimentos para o Monte  Pindo, e pretendendo converter o debate nun simple xesto cara a galería  para aplacar a demanda social pero que non implicaba para as  administracións adoptar ningún tipo de iniciativa a curto ou medio  prazo.

O alcalde de Carnota Ramón Noceda amosou a súa preocupación porque a Xunta asegure que o Monte Pindo está suficientemente protexido  na actualidade mediante a Rede Natura e os LIC, dúas figuras que non  serviron polo momento para protexelo nin tampouco para axudar a  desenvolver o seu entorno; de feito considera que a experciencia  demostra que só se derivaron en trabas para o concello, os colectivos e  os veciños que traballan para recuperar e aproveitar o seu medio  tradicional, mentras que os grandes proxectos industriais plantexados  para estes espazos protexidos reciben luz verde sen ningún obstáculo. O  rexedor carnotán está convencido de que o Parque Natural xeraría novas  posibilidades de desenvolvemento na localidade, partindo do respecto e o  coidado do noso privilexiado entorno natural.

Por último, Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA denunciou que unha comisión do Parlamento  creada para defender o medio natural autorice no entorno do Monte Pindo  proxectos tan controvertidos como 3 minicentrais, a ampliación das  centrais eólicas e mesmo unha piscifactoría, na mesma sesión que rexeita  protexer o Monte Pindo.

Convocada manifestación en Carnota de apoio ao Parque Natural

Por todo isto, e en vista da negativa da Xunta a dialogar e alcanzar  acordos sobre a protección do macizo carnotán, a única alternativa é que  o conxunto da sociedade tome a iniciativa, polo que a Asociación Monte  Pindo convoca unha manifestación nacional a prol do Parque Natural do Monte Pindo,  que terá lugar o sábado 14 de abril no Pindo (concello de Carnota) e  que servirá para demostrarlle á Xunta o multitudinario respaldo con que a  iniciativa conta entre a sociedade, os expertos e os axentes sociais.