Entrevista a Ángeles Santos Casal

Beatriz Guiance 17 de Decembro de 2011 2

12345678910 (votos: 24 , media: 9,63 )

Ouvir com webReader

Situámonos nunha fría mañá bergondesa deste inverno que, aínda non tendo comezado, xa anuncia temporal. Un temporal non só meteorolóxico ou político, senón tamén empresarial e económico.

As cifras da macro ou microeconomía a moitos se nos escapan, mais os efectos da crise e os medos dos empresarios a quen non lle escapan nunca é a Ángeles, o noso «M» de muller de hoxe, con quen foi agradable e doado facer unha interesante entrevista, de muller a muller, de xeito distendido e reflexivo.

O labor de Ángeles desenvólvese na ASEB (Asociación de Empresarios de Bergondo), onde leva adiante con profesionalidade impecable a administración e xestión da entidade.

Tras unha cálida acollida e os saúdos pertinentes, comezaron as preguntas.

 

Ángeles, canto tempo levas á fronte da administración da ASEB?

Levo xa bastante tempo, desde o ano 2004.

Nun mundo como o empresarial, que está controlado basicamente por homes, como foi a túa acollida?

Cando se realiza un traballo con profesionalidade e responsabilidade, a acollida é boa. Non nego que ao principio agardaban atopar un home trala porta deste despacho, mais iso non tivo máis repercusión, respectan o traballo ben feito e a min como persoa, muller e xestora.

En que consiste, en liñas xerais, o teu traballo?

En ofrecer asesoramento fiscal e laboral a 270 empresas, proporcionar formación a empresarios e traballadores, ser un referente e punto de información, e moitos outros servizos.

Logo, se che parece me contas con máis detalle e afondamos máis no tema, pero dime, hai moitas mulleres a cargo das empresas do polígono?

Realmente poucas, pouquísimas, pero tamén é certo que xa foron menos.

Aquí quería chegar eu, notas unha evolución na incorporación da muller na vida empresarial desde o 2004 que comezaches o teu traballo até agora?

Por suposto, notar empézase a notar agora, pouco a pouco van despuntando , dáte conta de que cando eu empecei non había case muller ningunha, nen na Cámara de Comercio nen en parte ningunha, o mundo empresarial estaba moi pechado á muller en cargos visibles como unha presidencia ou calquera outro alto cargo. Na anterior xunta só había dúas mulleres, con iso xa che digo bastante.

É agora cando se empeza a notar a incorporación, nas segundas xeracións, as fillas dos empresarios que empezan traballar cos pais e que acaban por tomar as rendas da empresa. E as contadísimas emprendedoras.

Mulleres que empezan a verse, mais estamos a falar só de cinco mulleres á fronte das súas empresas, nun parque empresarial de máis de dúas centas. As cifras o din todo!!

Só cinco? Entón pouco cambio se notou.. ou non?

De todos xeitos, ao principio a presencia feminina reducíase ás asocioacións de mulleres. Hoxe, cando menos, os postos de responsabilidade en Recursos Humanos recaen fundamentalmente nas mulleres, as secretarias de dirección, e como che dicía antes, as fillas de empresarios potentes están tomando o relevo, e iso se nota á hora de levar unha empresa e facer que as cousas funcionen.

Aínda estamos nun momento moi complicado, de todos xeitos onde se está aplicando unha política de conciliación da vida laboral e familiar, garderías.. os bos resultados salta á vista. E iso é o que estamos fomentando desde aquí. 

E a discriminación positiva, faise nalgunha empresa? hai algún tipo de «cota» de emprego feminino?

A min non me gusta o término de discriminación positiva porque non fondo tampouco o é, prefiro falar de conciliación, calidade e igualdade.

Retomando o teu traballo na ASEB, que servizos ofrecedes? 

Sería moi complexo dicir todo canto desde aquí facemos, pero cóntoche que desde ser un punto informativo e de referencia do parque empresarial, onde se ofrece tamén información xeral ao asociado ( via correo electrónico, por exemplo) e se leva a asesoría e xestión de asuntos relacionados co parque.

Prevención de riscos laborais, con consultorías, visitas a empresas, asesoramento, información e circulares , ademais de atención directa aos asociados sobre a aplicación da lexislación vixente.

Medio ambiente e calidade, aquí orientamos sobre a xestión de resíduos e contaminación do chan, busca de solucións a necesidades tecnolóxicas relacionadas coa enerxía e o medio ambente, brindamos apoio na presentación de proxectos de natureza medioambiental ou de implementación de enerxías renovables. Ofrecemos información sobre certificacións de calidade e medioambientais.

I+D+I, ofrecendo consultoría directa aos asociados en temas de inversión e desenvolvemento. Damos facilidades para o desenvolvemento da elaboración de diagnoses empresariais.

Amplia formación para empresarios e traballadores, conferencias e seminarios sobre temas de actualidade empresarial.

Asesoría económica e fiscal. Aquí resolvemos consultas sobre temas económicos, fiscais, contables e financeiros. Tamén informamos sobre novidades lexislativas 

Asesoría xurídica- laboral, dando información sobre novidades lexislativas a través de xornadas, circulares ou reunións e emisión de normativa xurídica. Asesoramento e resolución de consultas en temas como negociación colectiva, conflictos colectivos, etc..

Subvencións, con asesoramento xeral na busca de axudas e subvencións e información sempre actualizada de subvencións.

Servizo de Unión Europea, informando ás empresas sobre temas comunitarios, sobre exportacións, fontes de financiación na UE, cooperación internacional, licitacións internacionais..

Servizos de Normalización Lingüística, resolvemos consultas lingüísticas, traducción de textos e páxinas web, corrección e revisión de textos, deberes e dereitos lingüísticos…

Comercio exterior, informamos das feiras internacionais, documentación sobre importación e exportacións, aranceis, oportunidades de cooperación empresarial internacional.

Responsabilidade Social Empresarial, informando ás empresas sobre o distintivo de igualdade, asesoramento técnico para a implantación de plans de igualdade, certificado de excelencia empresarial, campañas de participación de empresas en temas de rse.

A Feira industrial, comercial e de artesanía de Bergondo INCOART.

A revista da ASEB gratuita.

Recursos Humanos, con selección de persoal e asesoramento na definición de perfís profesionais, servizo de difusión de ofertas de emprego a disposición das empresas, facilidades para a incorporación de alumnos en prácticas mediante convenio coa Universidade da Coruña.

Entón non está afectando a crise ás empresas do polígono? e se si se deixa sentir a crise, en que medida?

Si que se está deixando sentir a crise e, de feito, desde xaneiro a situación se está poñendo fea, sobre todo para as empresas relacionadas coa construcción. Incluso nós tivemos que reconvertir as nosas tarefas con relación ao asesoramento e formación.  O que antes era facilitarlle a contratación a traballadores en empresarios, agora é buscar como crear confianza, formar ao empresario en novas facetas que lle permitan seguir adiante, e buscar formación para os que de repente se ven descolocados.

Aquí, desde xaneiro, incluso houbo algunhas empresas que tiveron que pechar, outras que tiñan até 80 empregados pasaron a manterse só con 10, e hai medo, moito medo, case diría que hai unha psicose consumista que leva á xente a frear o consumo por ese medo ao que pode pasar.

Hai moito endebedamento, e non porque haxa unhas cifras altas de débeda senón porque os bancos están dificultando enormemente a súa refinanciación.  Dada a situación, moitos empresarios empregan capital privado para inxectar na empresa, para invertir, mais aínda habendo posibilidade de negocio as cousas están máis paradas ou non se consume na mesma medida que hai un ano, polo medo do que che falaba antes. Así as cousas, hai empresarios que veñen en busca de consello, dunha solución porque xa non poden ou non queren invertir máis capital privado na súa empresa.

Desde aquí os orientamos de cara á diversificación, á internacionalización, á innovación e tamén a inxectarlles positivismo.

Desde logo parece unha receita moi axeitada, mais con esas técnicas consíguense resultados menos inmediatos, máis a longo prazo, non é así?

Penso que si, pero dáte conta de que estamos nun momento no que hai que reinventar, e redireccionar os mercados, e ir facendo fidelizacións de clientes e ir sementando para logo recoller. Os resultados pode que non se vexan de xeito inmediato pero si seguros, e cunhas moi boas perspectivas de futuro, e iso é o que conta.

De feito, estou convencida de que para sair da crise o fundamental sería a inversión para crear riqueza, non os recurtes que o único que fan é privar de prestacións necesarias e servizos sociais que non palían nen van acabar coa crise, máis ben ao contrario. Senón mira o exemplo da grande crise do 29.

E despois dicías que non tiñas méritos para que che fixera unha entrevista, muller nova, ben formada, cun traballo de sacar o chapeu e a admiración e respecto de todo o parque empresarial e de quen te coñece.

Mulleres coma tí son as que fan o futuro da Galiza. Moi agradecida pola túa atención, foi un pracer coñecerte en persoa e entrevistarte.  Até sempre.

  • Csvcarlos

    Gracias Beatriz por hacernos llegar este artículo, que es muy interesante y animo a esta
    chica a la cual felicito desde esta página. Un saludo

  • Fran

    Excelente entrevista, parabéns