Eliminar tres días de asuntos propios non suporá aforro algún

CIG 2 de Febreiro de 2012 0

12345678910 (Sen votos)

Ouvir com webReader

A Xunta de Galiza vén de anunciar que eliminará tres días de asuntos propios ao persoal da admnistración pública. A CIG-Administración considera que esta medida non suporá aforro algún, porque na Administración xeral non se subsitúe á persoa que os goza, como tampouco se subsitúen no período de vacacións.

O sector da Autonómica de CIG-Administración engade a isto, que deixar a porta aberta á revisión do complemento salarial en baixas por enfermidade común é deixar ao traballador á súa sorte nos momentos máis delicados. “Ninguén elixe sufrir un accidente non laboral, ter un cancro ou un embarazo de risco. E cando sucede, de novo, na Administración xeral non se cubren estas baixas salvo casos excepcionais recollidos na Lei de orzamentos”, manifestan.

Ao tempo, cuestionan a imaxe que das traballadoras e traballadores públicos se transmite. “Somos profesionais que prestamos un servizo á cidadanía, non maleantes que non merecen os dereitos que teñen”.

Fronte á insistencia da necesidade de facer recortes orzamentarios e de facerllos pagar precisamente ao persoal, sinalan que “os servizos privatizados ou o traballo feito por asistencias técnicas tamén custan cartos á Xunta de Galiza e nese punto ninguén do Goberno galego pon o grito no ceo”.

Fronte a isto defenden que “unha traballadora ou traballador público menos é un cachiño de servizo público que ou ben desaparece ou ben pasa a ser prestado por persoal privado, moito máis manexable”.  E alertan de que se os mepregados e empregadas públicas molestan é porque “somos o último escollo para o asalto á bolsa de negocio dos servizos públicos por parte da empresa privada que, como a cidadanía ben coñece, non se rexe polo servizo senón polo beneficio”.

Como alternativa a este novo recorte de dereitos, propoñen aforrar en salarios do persoal asesor político, dentro ou fóra dos gabinetes, ou na contratación de asistencias técnicas que, din, “asumen inxustificadamente o traballo reservado ás empregadas e empregados públicos”.