
A Comisión de Centro do CHUAC vén de emitir un comunicado no que denuncia o grave colapso e deterioro da calidade asistencial que está a sufrir o servizo de urxencias pola falta de previsión e a asunción de medidas correctoras por parte da Xerencia do Complexo.
Dende o colectivo sinalan que nestes momentos non existen camillas suficientes para recepcionar aos/ás doentes, polo que as ambulancias teñen que agardar a dispor das padiolas, co conseguinte colapso que isto supón. Ademais, denuncian, hai pacientes que permanecen no servizo de urxencias “un mínimo de 72 horas sentados”.
Con este caos, aseguran, “é imposíbel realizar unha correcta valoración dos/as pacientes, dado que o espazo para realizala non existe, converteuse nun almacén de enfermos e enfermas”. Así mesmo, advirten que as condicións de atención, calidade asistencial, confidencialidade e medidas hixiénico-sanitarias que deberían primar para os pacientes “son propias dun país terceiromundista”.
A Comisión esixiu á Xerencia do CHUAC que adopte, todas as medidas necesarias para resolver de xeito inmediato esta situación. Medidas que pasan, entre outras accións, pola apertura de unidade do Hospital Abente y Lago e a contratación de máis persoal.














