A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e portavoz do BNG en temas laborais, afirmou que a reforma laboral que aprobou o Consello de Ministros “está configurada ao xeito da patronal, feita ao seu servizo e a medida dos seus intereses”.
Davila salientou que “é evidente que será unha normativa agresiva cos traballadores”, e deste xeito ironizou coas afirmacións realizadas onte en Bruselas polo Ministro de Economía, Luis de Guindos, quen dixo en off que “aprobaremos mañá a reforma do mercado laboral e vai ser extremadamente agresiva”. Ademáis, destacou “a obediencia debida do PP aos dictados máis regresivos e anti-laborais da UE, empeñada en medidas económicas de axustes e recortes que prexudican ás maiorías sociais que son as que están a pagar as consecuencias dunha crise financeira”.
A deputada do BNG afirma que “o PP fai unha reforma laboral extremadamente agresiva cos traballadores e traballadoras, e que só anuncia máis paro. Unha lei que só servirá para incrementar aínda máis os beneficios da patronal”. Neste sentido, a deputada nacionalista pón de manifesto que “ningunha das reformas laborais realizadas recentemente serviron para crear emprego, ao revés, só contribuiron a precarizar o mercado de traballo, abaratar o despido como é o caso do que nos anuncia o PP, abaratar os custes empresariais, rematar cos convenios colectivos, e destruir os dereitos laborais polos que houbo que loitar durante décadas”.
Haberá máis paro coas reformas do PP
Máis unha vez, puntualiza, “estamos ante outra reforma laboral que segue o mesmo camiño”. E lembra as afirmacións realizadas por Mariano Rajoy esta semana no Congreso quen pronosticou un ano 2012 moi duro. “Así que de novo a mesma trampa dialéctica: din que reforman o mercado de traballo para xenerar emprego ao mesmo tempo que se pronostica que este ano haberá 400.000 parados máis”.
A parlamentar nacionalista sinala que a reforma laboral de Rajoy “garantizará o incremento do paro, e tan só aproveita a ocasión de grave crise económica para rematar progresivamente cos dereitos laborais e sociais. É mintira que teña o obxectivo de crear postos de traballo, esa non é a súa función, o que vai facer é destruir. En palabras de Naomi Klein, estamos ante o “capitalismo do desastre”.
Davila censurou a proposta de reforma laboral do Goberno do PP, que “xa se encargaron de ir explicándonos a conta gotas estes días nos medios de comunicación” e ironizou sobre o xogo de “bós e malos no gabinete popular. O PP está a facer o que destila a súa ideoloxía económica sempre ao servizo dos que máis teñen, vémolo no decreto financeiro e agora ímolo comprobar na reforma laboral”.














