A reforma financeira «supón un golpe de gracia ao sistema financeiro galego»

Bng 3 de Febreiro de 2012 0

12345678910 (Sen votos)

Ouvir com webReader

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, afirmou que a reforma financeira do Goberno do PP “é un golpe de gracia ao sistema financeiro galego xa que forza a unha fusión por absorción a Novagalicia banco”.

O deputado do BNG fixo estas declaracións en relación á reforma financeira que se aproba hoxe no Consello de Ministros e que na tarde de onte presentou o Ministro de Economía, Luis de Guindos. Jorquera resaltou especialmente as manifestacións realizadas polo Ministro sobre Novagalicia Banco, quen onte dixo que “coas catro entidades que temos agora baixo o control do FROB: Unnim, Banco de Valencia, Novacaixagalicia e Caixa Catalunya, vaise intentar coa maior rapidez posíbel que saia ao mercado e forme parte dunha integración e deixen de estar no ámbito FROB”.

Jorquera pón de manifesto que a Novagalicia Banco “se lle vai impór uns novos requisitos que fan imposíbel o seu plan de capitalización e a impulsan a unha venda a prezo de saldo no mercado e a unha fusión por absorción por parte doutras entidades”. O deputado nacionalista sinala neste sentido que “se están a usar os recursos públicos para concentrar aínda máis o sistema financeiro, privatizalo e desterritorializalo, en lugar de transformar Novagalicia Banco nun banco público galego que financie a nosa economía produtiva e ás pequenas e medianas empresas, tal e como propuxo o BNG”.

“Feijoó asiste a todo isto como un mero espectador”

O deputado do BNG subliña que “as consecuencias deste plan van ser enormemente negativas para a economía galega”. Nesta liña, Jorquera critica a actitude do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, porque “asiste como mero espectador á desaparición do sistema financeiro galego. Pasou de liderar en apariencia a fusión das Caixas galegas para preservar o sistema financeiro galego a aplaudir as medidas do novo Goberno do PP que conducen á liquidación do noso sistema financeiro”.

Para o portavoz do BNG “a terceira reforma financeira, e a primeira que aproba o PP, ten continuidade co feito anteriormente polo Goberno do PSOE, a pesar de que foron medidas que fracasaron pois nen lograron o saneamento do sector nen restauraron o crédito ás empresas, emprendedores e familias”. Para Jorquera a consecuencia destas reformas “será a constitución dun auténtico oligopolio financeiro no estado español, sacrificando as entidades máis ligadas a determinados territorios”.

Ademáis, Jorquera denuncia que “vai haber máis carto público para a banca privada, mentras os sectores produtivos sofren as restricións de créditos. Unha nova achega de fondos públicos ao sector financeiro a cambio de nada”.