
A crise, que Galiza padece con especial virulencia, está a provocar que as diferenzas de renda existentes entre a clase asalariada se agudicen, chegando a ser “escandalosas”. Así se recolle no traballo realizado por Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete Técnico de Economía, a partir dos últimos datos feitos públicos pola Axencia Tributaria, correspondentes ao ano 2010. Destes datos tírase ademais que a mocidade é a máis prexudicada, porque alén de baixos salarios, soporta unhas taxas de paro intolerábeis e contratos de escasa duración. Reproducimos, de seguido, esta análise.
Tanto Galiza como o Estado español son, en termos de emprego, dos países máis afectados pola crise. Así, no Estado español o número de persoas paradas está en torno aos 4,5 millóns e en Galiza as últimas cifras falan de en torno ao cuarto de millón de persoas desempregadas. Dentro destas persoas desempregadas, a xente nova é a máis afectada.
Fronte a esta situación, os poderes públicos reivindican saír da crise grazas a un esforzo na moderación salarial e nas condicións laborais (mini contratos), sen cuestionaren o contorno onde se define a actividade macroeconómica, que dende o noso punto de vista é o principal problema para superar a crise. Xunto coa reforma do sistema financeiro, as fortes desigualdades sociais existentes son, desde o noso punto de vista, os principais problemas a resolver para saír da crise.
As fortes desigualdades sociais lastran a saída da crise, especialmente nunha economía como a galega cun tecido empresarial moi atomizado, e polo tanto con moi poucas empresas que compitan fóra dos nosos mercados. Se o noso principal mercado é o interno, necesariamente necesitamos unha demanda interna forte, con capacidade de consumir para dar saída aos nosos produtos, máxime cando a entrada de produtos foráneos é moi forte e a un prezo moi inferior; polo que nos queda competir en calidade, e non en prezo, pero necesitamos compradores con capacidade de consumo. De aí o gran engano de apostar pola moderación salarial e a inestabilidade laboral, xa que isto produce xustamente o contrario. A quen beneficia este tipo de traballadores é as grandes empresas, porque elas compiten noutros mercados, e aí si poden competir vía prezo, e son as que están impondo as condicións laborais no mercado interno, desfacendo o noso tecido produtivo. Primeiro, pasou co sector primario e agora estase estendendo ao resto das actividades económicas.
De feito, nas últimas décadas en Galiza, e no Estado español, asistimos a un forte medre das desigualdades sociais. Os datos do último ano da Axencia Tributaria non só nos confirman esta aseveración senón que demostran que no último ano as diferenzas se agravaron.
Os últimos datos da Axencia Tributaria referidos ao ano 2010, a través da publicación“Mercado de trabajo y pensiones en las fuentes tributarias” permítenos coñecer os ingresos “oficiais” dos traballadores/as, parados/as e pensionistas. Facilita a distribución destes perceptores por tramos de salarios referentes ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI), extraídos da relación de perceptores de rendas que presentan os empregadores mediante a “Declaración resumo anual de retención e ingresos a conta” (modelo 190).
Os últimos datos para Galiza son os que seguen:
Distribución das persoas asalariadas por tramos de ingresos e salario medio.
| 2010 | 2009 | Evolución % | ||||
| Tramos de salario | Asalariados/as | Salario medio | Asalariados/as | salario medio | Asalariados/as | Salario medio |
| Total | 1.067.999 | 18.314 | 1.092.430 | 18.217 | -2,2 | 0,5 |
| De 0 a 0,5 SMI | 159.350 | 1.959 | 158.709 | 1.947 | 0,4 | 0,6 |
| De 0,5 a 1 SMI | 128.930 | 6.667 | 131.733 | 6.597 | -2,1 | 1,1 |
| De 1 a 1,5 SMI | 153.544 | 11.217 | 159.154 | 11.055 | -3,5 | 1,5 |
| De 1,5 a 2 SMI | 199.529 | 15.537 | 206.880 | 15.305 | -3,6 | 1,5 |
| De 2 a 2,5 SMI | 127.647 | 19.731 | 131.141 | 19.443 | -2,7 | 1,5 |
| De 2,5 a 3 SMI | 80.762 | 24.216 | 82.188 | 23.841 | -1,7 | 1,6 |
| De 3 a 3,5 SMI | 60.663 | 28.721 | 57.605 | 28.317 | 5,3 | 1,4 |
| De 3,5 a 4 SMI | 43.246 | 33.129 | 42.870 | 32.624 | 0,9 | 1,5 |
| De 4 a 4,5 SMI | 33.938 | 37.704 | 34.144 | 37.074 | -0,6 | 1,7 |
| De 4,5 a 5 SMI | 24.396 | 41.897 | 27.641 | 41.335 | -11,7 | 1,4 |
| De 5 a 7,5 SMI | 39.954 | 52.600 | 42.838 | 51.579 | -6,7 | 2,0 |
| De 7,5 a 10 SMI | 10.793 | 75.242 | 11.459 | 74.444 | -5,8 | 1,1 |
| Más de 10 SMI | 5.246 | 133.613 | 6.068 | 129.633 | -13,5 | 3,1 |
Fonte: Axencia Tributaria. Ano 2010.
O descenso do número de persoas asalariadas que declararon ingresos á Axencia tributaria foi dun 2,2%. Afectou a practicamente todos os tramos de ingresos salvo os de menores ingresos (menos da metade do SMI) entre os que o número de asalariados medrou un 0,4%, e os de entre 3 e 4 veces o SMI.
Os maiores descensos déronse entre as persoas asalariadas con tramos de ingresos maiores.
No que atinxe ao salario medio, o incremento foi do 0,5%. O maior incremento medio produciuse entre as persoas de maiores ingresos, un 3,1%.
O maior “desequilibrio” produciuse entre as persoas s de maiores ingresos. Por unha banda, descendeu fortemente o número de traballadores/as cuxas percepcións superan en máis de 10 veces o SMI, e por outra, os ingresos medios deste grupo foron os que máis medraron. Consecuencia lóxica disto é o incremento da acumulación da riqueza.
O feito de que as rendas -neste caso soamente as das persoas asalariadas- cada vez sexan máis desiguais, empeora a xa forte desigualdade existente en Galiza entre as rendas do traballo e as empresariais e do capital.
Así as cousas entre a clase asalariada as diferenzas son escandalosas:
- Durante 2010, o 27% das persoas asalariadas en Galiza percibiron como máximo o SMI (un 15 % apenas a metade deste). Conxuntamente recibiron o 6% do total da masa salarial dos galegos/as.
- O 1,5% das persoas asalariadas en Galiza de maiores ingresos (máis de 7,5 veces o SMI) percibiu o 7,7% do total das rendas salariais galegas.
Os números falan por si só: o 1,5% das persoas asalariadas de maiores ingresos acaparan unha maior porción da masa salarial que o 27% de menores ingresos.
A meirande parte das rendas das persoas de maiores ingresos non se destinan ao consumo, xa que as principais necesidades de consumo desta poboación están satisfeitas. E tampouco a investimento produtivo, como indican a evolución da Formación Bruta de Capital (FBC) nos últimos anos. Queda, polo tanto, a especulación como principal destino destes fondos. Isto agrava aínda máis a situación de crise.
Dentro das persoas consumidoras, xa que vivimos nunha sociedade de consumo, ímoslles chamar consumidoras ás persoas traballadoras, deberíamos “mimar”especialmente á xente máis nova, xa que son esta é quen ten maiores necesidades de consumo, pois a súa presenza na economía é moi recente. E así, a necesidade de casa, coche, electrodomésticos, etc., é real. Pero é precisamente a xente nova a que se atopa en peor situación.
A xente nova, que xa sufría antes da crise unhas taxas de paro moi
elevadas, foi a máis prexudicada durante 2010, tanto en descenso de ingresos como en perda de emprego.
Persoas asalariadas e salario medio por idades.
| Idade | 2009
|
2010
|
Evolución 2010/2009 | |||
| Salario
medio |
Asalariados/as | Salario
medio |
Asalariados/as | Salario
medio |
Asalariados/as | |
| Menos de 18 anos | 4.358 | 3.754 | 4.434 | 3.083 | 1,7 | -17,9 |
| de 18 a 25 | 8.341 | 120.339 | 7.692 | 107.684 | -7,8 | -10,5 |
| De 26 a 35 | 15.442 | 326.813 | 15.319 | 311.761 | -0,8 | -4,6 |
| De 36 a 45 | 19.546 | 294.263 | 19.527 | 295.024 | -0,1 | 0,3 |
| De 46 a 55 | 23.116 | 224.072 | 23.060 | 225.374 | -0,2 | 0,6 |
| De 56 a 65 | 24.012 | 114.977 | 24.018 | 116.630 | 0,0 | 1,4 |
| Maiores de 65 | 17.222 | 8.213 | 18.173 | 8.443 | 5,5 | 2,8 |
| Total | 18.217 | 1.092.431 | 18.314 | 1.067.999 | 0,5 | -2,2 |
Fonte: Axencia Tributaria. Ano 2010, 2009.
Segundo declaran as empresas á Axencia Tributaria, no que atinxe aos ingresos declarados, agás as persoas máis novas (menores de 18 anos) e as de máis idade (maiores de 65), todas viron reducidos os ingresos con respecto ao ano anterior, aínda que moita menor medida a xente máis nova.
No que respecta á perda de emprego, este afectou exclusivamente ás persoas menores de 35 anos. Ademais, a perda de emprego medra a medida que descende a idade dos traballadores/as, sendo as máis afectadas as persoas menores de 18 anos, entre as que descende o emprego un 17,9%.
Outra información que se pode extraer da táboa anterior é a forte desigualdade existente entre a clase traballadora galega. Existe un claro incremento dos ingresos salariais a medida que aumenta a idade da persoa asalariada, producíndose os maiores ingresos nas idades comprendidas entre os 55 e os 65 anos.
Nestas fortes desigualdades non só inflúe o salario, senón tamén o tipo de contrato, tipo de xornada, días traballados ao ano, etc. Mais sexa un motivo ou outro, o que evidencia claramente esta táboa é a forte precarización laboral que sofren os máis novos no mercado de traballo galego. Se a isto unimos unhas taxas de paro próximas ao 40%, a radiografía laboral da nosa mocidade e terríbel.
Non debemos esquecer, así mesmo, que este grupo de poboación é o de maior nivel formativo da nosa historia. Despois de anos e anos de formación, atópanse cunha realidade laboral que non lles permite tan sequera a independencia económica e vense obrigados a vivir coa familia ata a madurez, cando menos.
Outros/as optan por emigrar, estragando o país un capital humano imprescindíbel para o desenvolvemento futuro de Galiza, sen esquecermos a dilapidación de diñeiro público que isto supón.
Esta non é unha situación nova. A mocidade sempre foi a máis prexudicada laboralmente nos últimos anos: altas taxas de paro, baixos salarios ou contratos de escasa duración. Fronte a isto, ofréceselles máis formación e axudas á súa contratación.
Esta foto da poboación da xente máis nova contradí, así mesmo, outra receita económica para saír da crise: a necesidade de axilizar ou precarizar aínda máis o mercado de traballo, xa que é precisamente a xente nova a que posúe os salarios máis baixos, os contratos máis flexíbeis… e a que máis perdeu emprego.
No resto de Europa, cunha situación laboral moito máis favorábel, a caída de emprego foi moi inferior.
Taxa de temporalidade.
| Espazo | Sexo | 2006 | 2007 | 2008 | 2009 | 2010 |
| Galiza | H | 30,9 | 29,5 | 27,8 | 23,9 | 21,8 |
| M | 38,3 | 31,9 | 32,5 | 29,0 | 27,9 | |
| Estado español | H | 30,9 | 29,4 | 26,7 | 23,2 | 23,4 |
| M | 35,9 | 32,3 | 30,6 | 26,9 | 25,8 | |
| Unión Europea | H | 12,6 | 12,5 | 12,0 | 1,5 | 12,2 |
| M | 14,1 | 14,2 | 14,0 | 13,5 | 13,7 |
Fonte: IGE
Taxa de paro.
| Espazo | Sexo | 2006 | 2007 | 2008 | 2009 | 2010 |
| Galiza | H | 6,1 | 5,7 | 7,4 | 11,8 | 14,6 |
| M | 11,5 | 10,0 | 10,4 | 13,6 | 16,3 | |
| Estado español | H | 6,3 | 6,4 | 10,1 | 17,7 | 19,7 |
| M | 11,6 | 10,9 | 13,0 | 18,4 | 20,5 | |
| Unión Europea | H | 7,6 | 6,6 | 6,6 | 9,0 | 9,6 |
| M | 9,0 | 7,8 | 7,5 | 8,9 | 9,6 |
Fonte: IGE
Os datos falan por si mesmos. Na media da UE, cunha taxa de temporalidade no emprego moi inferior á media galega e estatal, o incremento da taxa de paro, ou a perda de emprego, foi moi inferior durante este período de crise que na media estatal e en Galiza.
Non é polo tanto a rixidez do noso mercado a que impide reducir as taxas de paro; máis ben ao contrario. A forte flexibilidade laboral é a que facilita o despedimento máis rápido. Ante esta facilidade para despedir, as empresas reducen persoal ante a mínima dificultade, incrementando as taxas de paro, o que implica unha redución do consumo, o cal redunda nunha nova redución da actividade, coa conseguinte redución de emprego, etc, caendo nun círculo vicioso, do cal só a iniciativa pública nos pode sacar.
Fronte a isto, as medidas van na dirección contraria: abaratar o despedimento e flexibilizar e abaratar a contratación.
Vigo, febreiro de 2012
Nati López Gromaz
Gabinete Técnico da CIG














