A identidade cultural dos pobos está intimamente ligada ó seu patrimonio histórico. De aí que a Fábrica de Lapis sexa parte da nosa identidade dado o importante papel que desempeñou no desenvolvemento da comunidade. As súas paredes foron testemuña de acontecementos históricos e sociais que deixaron a súa pegada no pasado de Ferrol, ó igual que sucedeu noutras épocas con edificios, espazos e monumentos da cidade. O seu derrubamento supón unha falta de conciencia da nosa memoria colectiva, do noso patrimonio cultural e industrial, dos nosos sinais de identidade e, en conxunto, da nosa historia. Asemade, constitúe un desprezo á declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), por parte da Xunta de Galicia, á contorna na que se acha esta edificación. Por todo isto, a Fábrica de Lapis debe representar un punto de inflexión para que as diferentes forzas políticas, no canto de ser un atranco para o avance social e cultural da cidade, acorden velar e defender, dunha vez por todas, os seus intereses.
A conservación e rehabilitación deste emblemático edificio non se explica unicamente pola preservación do patrimonio cultural, senón tamén polo pulo económico que tanto precisa Ferrol. De todos é sabido que o patrimonio industrial é sinónimo de riqueza. En España, existen numerosos exemplos de construcións industriais que se rehabilitaron como museos. Véxase o caso da Fábrica de Fariñas San Antonio (Medina de Rioseco-Valladolid), a Real Fábrica de Cristais (San Ildefonso-Segovia), o Museo do Ferrocarril (Madrid), o Museo de Boinas La Encartada (Balmaseda-Vizcaya) ou o Museo da Siderurxia (Langreo-Asturias). Estes museos industriais xeraron postos de traballo nas súas respectivas localidades, ás cales chegan miles de visitantes cada ano afanados en coñecer estes vestixios históricos. A posible rehabilitación da Fábrica de Lapis nun Museo ou nun Centro de usos múltiples non só achegaría beneficios económicos á empresa encargada de realizar as tarefas de rehabilitación e preservación do edificio, ademais podería dar emprego a veciños de Ferrol, ao converterse nun punto máis de atracción turística no barrio de Ferrol Vello.
O derrubamento dunha construción de gran valor patrimonial e cultural produce un detrimento do ben común, dos intereses da cidade e do desenvolvemento da economía local. Emprender o proxecto de recuperación e reutilización da Fábrica de Lapis permitiría lograr o fortalecemento da cultura ferrolán. O edificio, gardián da memoria histórica local, forma parte do seu patrimonio e é un claro exemplo da antiga iniciativa empresarial privada. Conservalo significaría manter viva e salvagardar unha pequena, pero importante, esencia da cidade.
Ateneo Ferrolán. Febreiro 2012













