A Executiva do BNG nomea a Ana Pontón como voceira do Grupo Parlamentar

Bng 6 de Febreiro de 2012 0

12345678910 (votos: 1 , media: 10,00 )

Ouvir com webReader

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, informou en comparecencia de prensa dos acordos da Executiva Nacional do BNG.

Sobre a posta a disposición por parte de Carlos Aymerich do seu cargo de voceiro do Grupo Parlamentar do BNG, a Executiva por unanimidade pediulle que continuase como voceiro. Ante esta petición, Carlos Aymerich manifestou a súa preferencia por, en palabras de Guillerme Vázquez, “pasar a desenvolver outro tipo de responsabilidades a nivel parlamentar”.

A Executiva Nacional naturalmente respecta a decisión persoal de Carlos Aymerich”, enfatizou Guillerme. En consecuencia, a Executiva Nacional nomeou como voceira do BNG no Parlamento Galego a Ana Pontón e como vicevoceira a Ana Luisa Bouza.

En canto á distribución de responsabilidades dentro da nova Executiva, e a petición expresa de Encontro Irmandiño, que celebra unha asemblea este domingo, acordouse aprazar esta decisión á semana que ven. E con carácter provisorio, a Executiva decidiu, mentres tanto, manter as responsabilidades que na anterior Executiva xa tiñan membros que agora continúan na nova Executiva Nacional. O resto das responsabilidades asumiráas, tamén con carácter temporal, o propio voceiro nacional.

Xa que logo, seguirá habendo responsábeis en Organización (Montse Prado), en Imaxe e Propaganda (Ana Pontón), en Acción Social (Rafa Vilar), en Acción Institucional nas Cortes Xerais (Francisco Jorquera), en Acción Municipal (Xoán Bascuas), Finanzas (Francisco García) e Coordinación das Comisións do Consello Nacional (Ana Luisa Bouza).