5.000 traballadores do naval de Ferrol manifestáronse polas rúas da Coruña

CIG 9 de Febreiro de 2012 0

12345678910 (votos: 2 , media: 10,00 )

Ouvir com webReader

Uns 5.000 traballadores/as do naval de Ferrol, acompañados por sindicalistas e cidadáns solidarios, manifestáronse este xoves polas rúas da Coruña até a Delegación do Goberno español na Galiza en demanda de carga de traballo e solucións para un sector que se atopa nunha gravísima situación. Ao remate da marcha, unha representación do persoal reuniuse co delegado da institución estatal, ao que esixiron que defenda as súas reivindicacións diante dos Gobernos galego e español para lograr compromisos para salvar un sector do que dependen máis de 17.000 empregos en toda Ferrolterra.

Este xoves iniciábase ben cedo para os máis de 150 traballadores/as do naval que o martes iniciaron unha marcha a pé a até A Coruña, e que na última xornada do camiño tiñan que cubrir o traxecto que separa Oleiros da cidade herculina. Pouco despois das nove da mañá, o grupo de camiñantes atravesaba a Ponte da Pasaxe, continuando pola avenida que leva o mesmo nome, ante a sorpresa dos/as condutores e os/as veciños/as da zona.

Ao mesmo tempo, 60 autobuses procedentes de Ferrol e Fene achegábanse até as Xubias para deixar ao groso dos traballadores e traballadoras que se ían sumar en manifestación á marcha dos seus compañeiros/as. En total, unhas 5.000 persoas partían sobre ás 10:00 horas dende a rotonda de Casablanca para dirixirse até as portas da Delegación do Goberno en demanda de carga de traballo, a construción do dique flotante e o levantamento do veto político que pesa sobre as instalacións de Fene.

Durante a manifestación, que causou gran expectación ao seu paso, puidéronse escoitar consignas como “onde está que non se ve o dique do PP”, “carga de traballo para o naval” ou “queremos traballar e non emigrar”; reivindicacións que se repetiron en numerosas ocasións diante do edificio gobernamental mentres a cabeceira da marcha agardaba á chegada da cola da manifestación.

Sobre ás once da mañá, unha representación dos traballadores/as accedía ao interior do edificio para manter unha xuntanza co Delegado do Goberno, Samuel Juárez, a quen lle trasladaron as demandas do sector e lle urxiron a defender diante do goberno estatal a necesidade de medidas urxentes para salvar o naval da ría. Porén, á saída do encontro, que se prolongou durante algo máis de media hora, o representante da CIG, Manel Grandal, valorou negativamente a xuntanza, xa que nela o Delegado limitouse a amosar a súa preocupación polo sector e a asegurar que transmitirá as demandas aos distintos departamentos, mais non foi quen de ofrecer ningún tipo de resposta clara aos traballadores/as.

“Nós xa lle advertimos que non imos volver aquí se non temos respostas. Parece indignante que saian na prensa o presidente do goberno galego e o conselleiro de industria falando desta problemática, pero o representante do Goberno español non saiba dicirnos que medidas se están a tomar”, criticou.

Así as cousas, Grandal amosouse optimista dende o punto de vista da resposta social. “Cando menos, Ferrolterra demostrou que ten capacidade e que vai a seguir dando a batalla pola defensa do sector naval”.

A dependencia económica da comarca

Durante a manifestación, volveuse reiterar a importancia que o sector naval ten para a comarca de Ferrolterra, xa que do naval dependen arredor de 17.000 empregos directos e indirectos, e até o momento era unha das poucas actividades que ía amortecendo os elevados índices de paro na bisbarra.

Non obstante, dende o pasado verán o naval xa destruíu máis de 700 empregos na industria auxiliar e a partir do vindeiro mes de xullo a empresa principal quedará sen carteira de pedidos, coas gradas baleiras, os talleres pechados e gran parte do cadro de persoal da empresa principal sen ocupación coa conseguintes repercusións para o traballo nas subcontratas.

Sobre estas cuestións pronunciábase o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, ao remate da marcha. “A todos nos gustaría que existise maior diversidade produtiva, pero é unha realidade que a comarca de Ferrol hoxe está practicamente centrada no sector naval, que neste momentos ten pouco futuro”. Por iso, lanzou unha chamada á acción por parte das administracións, máis alá das incumpridas e manidas promesas reiteradas polos gobernos de turno. “O PP, neste caso, debe tomar en serio a importancia que ten este sector na comarca, ten que facer realidade a construción do dique flotante , facilitar que se incremente de forma significativa a carga de traballo e pular nas negociacións coa UE para que Astano deixe de ser un estaleiro morto”.

Neste mesmo sentido manifestábase o Secretario da CIG-Metal, Xoán Xosé Bouzas Aboi “Tupi”, que tamén tomou parte na manifestación. “Estamos ante un problema de carácter político e nestes momentos nin o goberno da Xunta de Galiza nin o Goberno de Madrid poden eludir as súas responsabilidades”, afirmou.

Ao seu entender, o Executivo de Mario Rajoy ten que instar de inmediato a Bruxelas a levantar o veto á construción civil imposto ao estaleiro de Fene e avanzar nas xestións para conseguir o novo dique flotante. “Con estas dúas cuestións poderíanse consolidar os actuais postos de traballo. En caso contrario, estaremos abocados a que nun prazo de tempo curto toda a empresa auxiliar desaparecerá e mesmo perigarán os empregos da empresa principal”.

Nos vindeiros días, a representación sindical dos estaleiros de Ferrol reunirase para avaliar as novas medidas a levar adiante.